Cultura e Intelixencia Artificial: Amigas ou Inimigas?

Imagen del artículo de opinión de Santiago Mediano para El Mundo: “Inteligencia artificial 2 – cultura 0”
Coa irrupción da intelixencia artificial na nosa vida diaria, descubrimos non só a rápidez coa
que podemos solucionar as nosas tarefas, senón tamén unha fenda inesperada nos procesos
creativos culturais.
A cuestión é inevitable: está a intelixencia artificial a limitar e comprimir a labor cultural,
reducindo a creación, ou, pola contra, está a modernizar a industria?
A intelixencia artificial non só transforma a cultura: redefine quen crea, quen gaña e quen
desaparece. E, polo de agora, os humanos parecemos ir perdendo esta batalla fronte a IA
xenerativa, difícil de regular ou comprender.
Hoxe en día pódese crear un cadro, unha canción ou mesmo o guión dunha película en escasos segundos. A IA xenerativa é un tipo de intelixencia artificial capaz de producir contido novo e orixinal (como os exemplos anteriores) a partir de simples descricións textuais (prompts). Un traballo creativo que antes requería dun gran esforzo, tempo, dedicación e esmero, parece hoxe perder parte da súa autenticidade para converterse en algo efémero, reproducible e, ás veces, indistinguible.
Se as máquinas poden crear, onde quedan os artistas? E, chegados a este punto, somos todos artistas?
O informe do Grupo de Expertos Independientes sobre Intelixencia Artificial e Cultura 2025, elaborada pola UNESCO, ofrece datos especialmente preocupantes para algúns dos grandes sectores da cultura global. Nel afírmase que o sector musical podería perder, antes do 2028, arredor dun 25% do seu impacto económico, mentres que no sector audiovisual as perdas poderían alcanzar o 20%. As causas principais deste suceso serían a automatización de tarefas creativas, a xeración automática de contidos e a redución de custos na produción cultural.A isto súmase a aparición dun perigoso fénomeno: a monocultura dixital. Os algoritmos tenden a priorizar contidos virais e favorecer aqueles producidos por idiomas e culturas maioritarias (EEUU, Europa ou China), creando un bucle de recomendación que se retroalimenta. O resultado é unha perda progresiva de diversidade cultural global, onde as culturas minoritarias ou non normativas quedan invisibilizadas, fronte ao que o sistema considera rendible.
Ademais, temos que comprender que un sistema tan complexo como a IA cambia por completo o funcionamento da cadea de valor cultural. Mentres que antes se estructuraba en cinco fases: creación, produción, dsitribución, acceso e participación. Agora esta cadea convértese nunha rede baseada en datos, onde os algoritmos inflúen en todas as etapas.
O cambio é radical: a cultura xa non depende unicamente da vontade dos artistas ou das
institucións, senón tamén das plataformas que condicionan, filtran e mesmo impoñen o que
chega ao público.
Tamén no lado máis desfavorable atopamos un problema crecente: as obras culturais dos
artistas están suxeitas a rigorosos dereitos de autor que a intelixencia parecía saltarse con
demasiada facilidade. No pasado mes de xaneiro, o Goberno de España reivindicou a
necesidade de prohibir o uso da intelixencia artificial xenerativa na cultura sempre que
substitúa o traballo de artistas e técnicos. Un posicionamento que revela unha cultura española á defensiva, case hermética, e moi contundente na súa postura fronte a esta nova personaxe.
Os artistas reclaman ao Goberno a reforma do artigo 13, que impediría empregar a IA baixo
ningunha circunstancia para poder reproducir a imaxe dun actor, a voz dun dobrador ou
alimentar o guión dunha serie coa intención de crear novas tempadas sen intervención humana. As fontes do Ministerio confían en que esta normativa poida facerse realidade antes do verán, aínda que levan meses anunciando a súa entrada en vigor.
Todo isto sucede mentres a IA avanza, incluso, máis rápido ca nós, ata que a lei dite o contrario.
Non obstante, usar a intelixencia artificial é xa o noso pan de cada día, a automatización
permítenos deseñar respostas eficientes en tempo récord. Un uso responsable e controlado desta ferramenta pode facilitar a elaboración de proxectos complexos e optimizar tediosos procesos.
Según o artigo da Universitat Oberta de Catalunya: La gestión cultural y la inteligencia
artificial: Una alianza en busca de la innovación, no ámbito da xestión cultural a IA pode
ser unha ferramenta útil para acceder a información xeral, explorar ideas e analizar datos
públicos (perfís ou estatísticas). A maiores permite optimizar campañas de comunicación e
mellorar a segmentación de públicos. Incorporando a IA, según a UOC, obsérvase unha
innovación clara na xestión cultural e un aumento na participación cidadá, respetando sempre os criterios éticos e de diversidade.
Ademais, en certas institucións como museos ou bibliotecas dixitais xa se emprega a IA para
recomendar contidos e personalizar percorridos, aumentando o tempo de interacción e dando maior visibilidade a coleccións que antes pasaban desapercibidas. No ámbito museístico, podemos destacar as instalacións audiovisuais do proxecto Machine Monologues de Eli Cortiñas, onde o artista se pregunta que significa ser humano hoxe. A exposición propón unpercorrido portagonizado por robots humanoides, avatares e chatbots que manteñen conversas sobre os problemas mundiais actuais. Unha maneira distinta e incómoda de mostras como incluso as máquinas perciben a incerteza que atravesa a nosa sociedade.
Aínda que unha parte da sociedade entende a intelixencia como un apoio, unha ferramenta ou unha fonte de ideas. A cultura, na miña opinión, nútrese do pensamento crítico do artista, da súa vontade e da súa necesidade de expresar. A creación nace dun impulso creativo individual que permite o disfrute colectivo, e iso non é algo que unha máquina poida replicar.
O maior reto que supón esta tecnoloxía é a insuficiente protección do traballo dos múltiples
artistas das distintas ramas culturais. Mentres eles viven sometidos por estrictos dereitos de
autor, a IA, en mans de inexpertos, xoga coas súas obras, coas súas voces e mesma coa
identidade artística, como se o traballo alleo fose un terreo libre para experimentar.
Situación difícil a de non demonizar, a de non sentirse atacado ou violentado por unha
tecnoloxía que as veces funciona máis rápido ca un ser humano pero que, ao meu ver, non é
capaz de interpretar nin de satisfacer as necesidades culturais dos cidadáns, técnicos e artistas.
A cultura é o espazo onde se presentan os grandes conflictos humanos, onde xorden preguntas complexas con múltiples respostas válidas. Non se automatiza, non se acelera, non se reproduce unha serie de cálculos: sabe distinguir entre o ben e o mal, non está controlada por terceiros, é libre. E esa liberdade é algo que, ao final, unha máquina nunca poderá alcanzar.
De momento, cultura e IA seguirán sendo inimigas ata que saibamos distinguir quen é artista e quen non. Eu, polo menos, agardo o momento no que esta relación pase de enemies to lovers.


Comentarios